Oroso agradece a doazón da Asociación de Veciños da Senra

A Asociación Veciños da Senra, de Oroso, quixo achegar a súa colaboración, e por iso doou a cantidade de 1.740 euros con ánimo de axudar ante a situación xerada polo covid-19 no municipio. Eduardo Veiras, vogal do mencionado colectivo, explica que “1.200 euros vanse destinar a alimentos para entidades e para as familias máis vulnerables, e ademais, a compra será en establecementos de Oroso para axudar ao comercio local”.

Por outra banda, entregáronlle 540 euros á agrupación de Protección Civil municipal, como mostra de recoñecemento “polo seu intenso traballo durante o estado de alarma”, sinalan dende a entidade. “Eran cartos que tiñamos para unha sardiñada e unha excursión, que, polas actuais circunstancias, non podemos facer”, indica Veiras. É por iso que “decidimos destinar o diñeiro a unha boa causa”, sentencia o vogal da entidade.

O Concello agradece o xesto da asociación, así como as diferentes doazóns recibidas nas últimas semanas de empresas, colectivos e particulares. De feito, o pasado luns, día no que moitos pequenos negocios volveron abrir, a administración local puxo en marcha un plan especial para axudalos, facilitándolles material de protección e hixiene para a reapertura. Neste punto, agradece tamén a doazón de JIM Sport, que aportou un cento de pantallas que foron destinadas aos profesionais que regresaron ao traballo o pasado día 4. Dende o goberno local piden responsabilidade.

Compartir: