112

Emergencias

Reglamento

La Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oroso está regulada por su Reglamento aprobado por acuerdo del Pleno del Concello en sesión celebrada el día 31 de octubre de 2002, y fue constituida y empezó a prestar servicio en el mes de enero de 2003.

Introducción

En orde á realización de actividades diversas para a Protección Civil en situacións de emerxencia, os concellos e os alcaldes teñen competencias en materia de Protección Civil, segundo o establecido nos artigos 25.2 c) e 26.1 c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, Regulamentadora das Bases de Réxime Local e artigos 80.2 c), 81 c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración Local de Galicia.

O exercicio destas competencias ten que levarse a cabo, fundamentalmente, mediante actuacións dos concellos e dos alcaldes, coa colaboración dun concelleiro-delegado de Protección Civil, así como coa intervención coordinada dos servicios municipais adicados, de modo ordinario e permanente, ó cumprimento de fins coincidentes coas necesidades derivadas das situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública.

Así mesmo, nos números 3 e 4 do artigo 30 da Constitución Española, determínase que poderá crearse un servicio civil para o cumprimento de fíns de interese xeral e que mediante lei regularanse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, polo que parece necesario que, sin prexuízo do establecido na lexislación regulamentadora do servicio civil e da protección civil sobre canto antecede, comtémplense os recursos municipais mencionados coa incorporación dos cidadáns ás actividades que desenvolva a Protección Civil municipal, ofrecéndolles así oportunidades para asumir e realizar voluntariamente o cumprimento dos deberes que a Constitución lles atribúe nas circunstancias aludidas anteriormente.

Por outra banda, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, de Protección Civil e o Real Decreto 407/1992 que desenvolve a Norma Básica en distintas partes do seu articulado, recolle a participación, responsabilidade e competencias das diferentes Administracións Públicas na Protección Civil, tendo un papel importante os concellos que, por se-la Administración máis cercana ós cidadáns convírtese na célula básica de Protección Civil, sendo a primeira en intervir en cantas emerxencias ocorran.

Abundando na normativa, temos que recolle-lo establecido no Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (PLATERGA), recollido como anexo do citado Decreto, onde se establecen, entre outras, as directrices para a planificación de ámbito local,así como os cometidos que poden desenvolve-las agrupacións de voluntarios no estudio e desenvolvemento dos distintos plans de emerxencia.

Asemade, entre outras normas, terase en conta a Orde do 19 de setembro de 2001, pola que se dictan as normas para a uniformidade dos voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, así coma a Orde do 24 de xuño de 2002, pola que se dictan as normas sobre os distintivos dos responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia.

Para articula-las oportunidades de colaboración dos cidadáns, individualmente considerados, coa Protección Civil municipal, parece conveniente regulamenta-la organización e funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil deste Concello, que se vinculará ós servicios básicos de intervención en emerxencias dependentes do Concello para realiza-las tarefas que procedan, sen prexuízo do que poida establecerse nas leis sobre prestación persoal e de servicios con carácter obrigatorio.

En virtude do exposto e previo acordo do Concello, apróbase o Regulamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Oroso, que se transcribe de seguido:

 

Capítulo I.-Finalidade

Artigo 1º

A Protección Civil municipal ten como fin establecer unha organización baseándose nos recursos municipais, contando coa colaboración das entidades privadas e dos cidadáns, para garanti-la coordinación preventiva e operativa respecto da protección de persoas e bens ante os danos producidos polas situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer todo tipo de emerxencias menores, mediante a realización de actividades que permitan evita-las mesmas, reduci-los seus efectos, repara-los danos e, no seu caso, contribuír a corrixi-las causas productoras dos mesmos.

Artigo 2º

A organización e funcionamento da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil, en diante AMVPC, como modalidade de incorporación dos cidadáns ás actividades de Protección Civil, rexeranse polo establecido no presente Regulamento, así como polas instruccións e directrices que, para os efectos de coordinación xeral e participación no desenvolvemento ou execución dos plans, programas ou actividades no sistema autonómico de Protección Civil, sexan dictadas polo órgano da Comunidade Autónoma competente nesta materia e demais Administracións Públicas de ámbito superior, conforme se establece na Norma Básica de Protección Civil.

Artigo 3º

Poderán vincularse á AMVPC as persoas físicas que, con carácter altruísta, se compromentan a colaborar directamente nas actividades dos servicios de Protección Civil dependentes do Concello.

Capítulo II.-Organización

Artigo 4º

Un dos cauces para a colaboración voluntaria dos veciños na Protección Civil municipal levarase a cabo mediante a incorporación dos mesmos á AMVPC a que se refire o presente Regulamento.

Artigo 5º

Poderán incorporarse á AMVPC como voluntarios operativos tódolos veciños maiores de 18 anos que cumpran os requisitos de acceso que poidan establece-las agrupacións sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razóns de sexo, políticas, ideolóxicas, relixiosas ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

Así mesmo, as persoas maiores de 16 anos e menores de 18, sempre que conste a autorización do que exerza a patria potestade ou a tutela, poderán formar parte da Agrupación como voluntarios de apoio.

Terán a condición de voluntarios honoríficos, todas aquelas persoas que, durante o transcurso da súa vida, realizaron actuacións heroicas e/ou actos salientables en materia de Protección Civil no seo da Agrupación.

Adquiren a condición de voluntarios operativos da AMVPC o Alcalde, como xefe local de Protección Civil, dende a súa elección polo Pleno da Corporación e o concelleiro-delegado de Seguridade Cidadá e Protección Civil, dende que se dicte a correspondente resolución de delegación polo Sr. Alcalde, sen necesidade de cumprir ningún outro requisito de acceso e o seu vínculo coa agrupación concluirá co mandato ou delegación, salvo que presenten o correspondente escrito solicitando a non rescisión do vínculo e a súa vontade de continuar como voluntario operativo na Agrupación, cos dereitos e obrigas derivados do presente Regulamento.

Artigo 6º

Os veciños con formación e experiencia suficiente no exercicio profesional ou vocación relacionada con algunha das entidades deste servicio público e que, por determinadas circunstancias, non poidan ser voluntarios operativos, poderán estar unidos á Agrupación, mediante a figura de colaborador en misións de orientación, asesoramento, asistencia técnica ou axuda económica.

A figura de colaborador pódese facer extensiva a aquelas entidades locais que desexen colaborar coa Agrupación en calquera dos apartados mencionados anteriormente.

Artigo 7º

A vinculación dos voluntarios co Concello non ten o carácter de relación laboral, administrativa, funcionaral ou mercantil, senón tan só de colaboración voluntaria para a prestación de servicios de xeito altruísta, como medio de realización de accións humanitarias de solidariedade social e boa veciñanza.

Artigo 8º

A incorporación á Agrupación farase sempre en virtude de solicitude do interesado, na que fará consta-lo compromiso de coñecer e aceptar o contido deste Regulamento e demais normativa vixente sobre Protección Civil, así como de executa-las tarefas que se lle encomenden as autoridades competentes ou os seus delegados e responsables da Agrupación xuntando, o propio tempo, fotocopia compulsada do D.N.I.

Artigo 9º

Formalizada a solicitude, establécense os seguintes requisitos de acceso para adquiri-la condición de voluntario da Agrupación:

1.-O Solicitante deberá superar un “curso de orientación para aspirantes”, que ten por obxecto dotar dos coñecementos mínimos que debe posuír un voluntario de Protección Civil para o correcto desenvolvemento das súas actividades e que terá unha duración mínima de 8 horas. Superado o curso, expedirase o correspondente xustificante e diploma de aptitude.

2.-Obtido o diploma de aptitude, o aspirante deberá superar unha proba que determine a súa idoneidade coas funcións ou obrigas inherentes á condición de voluntario de Protección Civil.

Superadas ámbalas probas, procederase á inscripción do solicitante no Libro Rexistro de voluntarios e faráselle entrega dun carné provisional, co fin de que dispoña dunha acreditación identificativa da súa condición de voluntario de Protección Civil en tanto no realice o curso de formación nivel básico, impartido pola Xunta.

Artigo 10º

A condición de membro da AMVPC faculta unicamente para realiza-las actividades correspondentes á Agrupación, especialmente en situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública e nos operativos organizados e coordinados pola Agrupación. Os voluntarios non poderán realizar actividades de carácter persoal, amparándose na pertenza á Agrupación.

Artigo 11º

As funcións do voluntariado son, entre outras, as de: promoción da prevención e autoprotección cidadá, así como a colaboración, auxilio e apoio dos servicios públicos de protección civil e, en todo caso, serán as indicadas no Plan de Emerxencia Municipal (PERMU) e demais plans de Protección Civil do sistema autonómico, aprobados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º

A Agrupación estructurarase, orgánica e funcionalmente, en seccións de acordo ás necesidades existentes no Concello ou comarca e, en todo caso, disporá das seccións correspondentes en consonancia coa tipoloxía de riscos definidos no PEMU e, se é o caso, no PLATERGA.

Artigo 13º

Tódalas actuacións que realice a AMVPC en materia de Protección Civil no ámbito local, serán sempre autorizadas e coordinadas ou, se é o caso, dirixidas pola autoridade local correspondente.

Artigo 14º

Son órganos necesarios da AMVPC, o presidente, a xunta directiva e a asemblea xeral.

Artigo 15º

O presidente da AMVPC será elixido democraticamente entre os membros que teñan a condición de voluntario de pleno dereito, de acordo ó establecido na lexislación vixente. Sendo a duración do mandato de catro anos, podendo ser reelixido para novos mandatos.

Artigo 16º

O presidente asume a representación legal da Agrupación e será un dos tres interlocutores ante o órgano competente en materia de Protección Civil da Xunta de Galicia e, no seu caso, ante outras institucións e organismos ós efectos administrativos ou operativos, tal como se establece no artigo 50.4 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Asemade, o presidente ten as seguintes atribucións:

a) Convocar e presidir-las reunións que celebre a xunta directiva e a asemblea xeral, dirixi-las deliberacións dunha e outra e decidi-los empates con voto de calidade.

b) Executa-los acordos adoptados pola xunta directiva e a asemblea xeral.

c) Autorizar ós voluntarios a asistencia ós cursos, sexan convocados pola propia Agrupación ou por outros organismos.

d) Propoñer ó Concello a adquisición de material para a Agrupación e a solicitude das correspondentes subvencións ante entidades públicas e privadas.

e) A formalización de convenios de colaboración con entidades públicas e privadas.

f) Incoar e resolve-los expedientes sancionadores por incumprimento ó preceptuado no presente Regulamento.

g) Velar polo cumprimento do presente Regulamento.

Articulo 17º

A xunta directiva formarase por:

– O presidente da Agrupación.

– Un vicepresidente.

– Un responsable da Agrupación.

– Un coordinador.

– Tres vocais.

– Un secretario.

Os membros da xunta directiva elixiranse democraticamente pola asemblea xeral de entre os membros que teñan a condición de voluntarios de pleno dereito, de acordo co establecido na lexislación vixente. A duración do mandato será de catro anos, podendo ser reelixidos para novos mandatos.

Articulo 18º

A xunta directiva ten as seguintes atribucións:

a) A aprobación e seguimento das probas de aptitude que, como requisitos de acceso á condición de voluntario, se establecen no artigo 9 do presente Regulamento, así como a proposta de admisión, unha vez superadas as probas, que servirá para que pola Secretaría da Agrupación se proceda á inscrición no Libro Rexistro de voluntarios.

b) A proposta á asemblea xeral, relativa á creación de seccións, equipos de intervención, grupos, etc., segundo as necesidades do Concello, definindo o propio tempo as funcións concretas, composición e estructura orgánica.

c) A aprobación do programa anual de formación dos voluntarios onde se concrete os cursos a realizar, probas que deben superar e expedición de xustificante ou diploma, no seu caso.

d) A aprobación das bases ou tipos de probas que deban supera-los voluntarios para acceder ós distintos cargos nas seccións, grupos ou equipos de intervención, promoción dentro da Agrupación, etc., así como o seguimento delas e proposta do nomeamento.

e) Programar e dirixir, con carácter xeral, as actividades a desenvolver polos voluntarios.

f) Aproba-los baremos que deban rexer na estimación das conductas dos compoñentes da Agrupación e aproba-la proposta de méritos ou recompensas a conceder como consecuencia da especial adicación, actividade desenvolvida e interese amosado por cada voluntario, sen prexuízo da proposta de méritos que corresponde ó Alcalde, segundo o previsto no artigo 34 do presente Regulamento.

g) Proposta a asemblea xeral de recoñecemento da condición de “voluntario honorífico” a que se refire o artigo 5º do presente Regulamento.

h) Formular ante a Alcaldía proposta de recompensa con recoñecemento público ante o Concello, Comunidade Autónoma ou outras Administracións públicas, cando se dean accións meritorias ou actos de natureza especial ó que se refire o artigo 33 do presente Regulamento.

i) Interpreta-los preceptos contidos neste Regulamento someténdose, en todo caso ó previsto no Decreto 56/2000 e demais normativa aplicable.

Artigo 19º

A xunta directiva celebrará, como mínimo, dúas sesións o ano e cantas veces sexa convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a solicitude da cuarta parte dos seus membros.

Será presidida polo presidente e, no caso de ausencia, polo vicepresidente.

Para que os acordos da xunta directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría simple dos membros presentes sendo necesaria, alomenos, de seis dos seus membros.

O Secretario levantará actas das sesións ou, no seu defecto, o responsable da Agrupación e transcribiranse ó Libro de actas.

Artigo 20º

O secretario, ademais de formar parte da xunta directiva con voz e voto, polo cargo ten as seguintes funcións:

a) A preparación dos asuntos que haxan de ser incluídos no orde do día das sesións que celebre a xunta directiva e a asemblea xeral e coidar de que sexan debidamente notificados tódolos seus membros.

b) Levantar acta das sesións dos devanditos órganos que, unha vez aprobadas, transcribiranse no Libro de actas, que será único e as súas follas irán numeradas correlativamente.

c) Dar cumprimento ós acordos adoptados, efectuando as correspondentes notificacións, no seu caso.

d) Recibir e tramita-las solicitudes de ingreso na Agrupación, así como levar e custodiar o Libro rexistro de voluntarios.

Artigo 21º

O responsable da Agrupación, ademais de formar parte da xunta directiva, ten as seguintes atribucións:

a) Máximo responsable do funcionamento da Agrupación.

b) Representa-la Agrupación.

c) Exerce-la coordinación dos servicios básicos de intervencións en emerxencias dependentes do Concello.

d) Informar e asesorar ó Alcalde, cando este o solicite.

e) Propoñer á xunta directiva o tipo de probas que será necesario superar como requisito de acceso á condición de voluntario de Protección Civil.

f) Formular propostas á xunta directiva, en relación coas competencias que esta ten, a teor do establecido no artigo 18 b) e c) deste Regulamento.

g) Elaboración das bases ou tipos de probas a que se refire o artigo 18 d) do presente Regulamento.

h) Impartir, en colaboración co coordinador da agrupación, o “curso de orientación para aspirantes”, ó que se fai referencia no artigo 9 do presente Regulamento, sen detrimento das funcións de seguimento que corresponden á xunta directiva, de conformidade co establecido no artigo 18 a) desta norma.

i) Formular proposta á xunta directiva para concesión de méritos ou recompensas ós voluntarios, recoñecemento da condición de “voluntario honorífico” ou recompensa con recoñecemento público o que se refire o artigo 18 letras f), g) e h), do presente Regulamento.

j) Propoñer ó presidente da Agrupación a adquisición de material necesario para a agrupación e tramitar, no seu caso, as subvencións para tal efecto.

k) Elaborar e formular propostas á Alcaldía, como representante da Corporación que acorda crea-la AMVPC e como xefe local de Protección Civil, para que por este se aproben as normas de carácter especial ou xeral que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste Regulamento, así como para a regulación da actividade da agrupación.

l) Emitir informe ó presidente da Agrupación, en relación coas solicitudes presentadas polos voluntarios para a asistencia a cantos cursos sexan convocados pola propia Agrupación ou por outros organismos.

m) Propoñer ó presidente da Agrupación a incoación de expedientes sancionadores por incumprimento do Regulamento e, de conformidade co establecido no capítulo V, instruíndoos.

n) Autorizar e coordinar tódalas actuacións que leve a cabo a Agrupación en materia de Protección Civil informando, de xeito inmediato ó presidente ou vicepresidente e, no caso necesario, dar conta o señor Alcalde como xefe local de Protección Civil.

ñ) Prestar colaboración, auxilio e apoio ós servicios públicos de Protección Civil e actuar segundo o disposto no PEMU e PLATERGA.

o) Propoñer ó Concello o cumprimento das actuacións preventivas en materia de Protección Civil, a que se refire o artigo 14 da Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, de Protección Civil.

p) Propoñe-la incoación, polo órgano competente do Concello, de expediente sancionador polas infraccións da Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, de Protección Civil, a teor do establecido no artigo 19 da devandita Lei.

r) Elaborar e presentar anualmente ante a asemblea xeral e ante a Corporación, a relación de ingresos e gastos do ano anterior, segundo os datos facilitados pola Intervención municipal, así como a relación actualizada do material de que dispoña a Agrupación.

Artigo 22º

O coordinador da Agrupación, ademais de formar parte da xunta directiva, polo seu cargo terá as seguintes funcións:

a) Coordina-la preparación dos cursos formativos dentro da Agrupación.

b) Colaborar co responsable da Agrupación para imparti-lo “curso de orientación para aspirantes” a que se refire o artigo 18 a) do presente Regulamento.

c) Propoñer á xunta directiva a aprobación de normas de carácter interno da Agrupación que sexan necesarias para a regulación da súa actividade.

d) Coordina-los distintos operativos establecidos e facilitar unhas normas de actuación ós voluntarios participantes, informando ó responsable da Agrupación.

e) Establecer e coordina-lo servicio de 24 horas, no suposto de que sexa posible contar cos voluntarios necesarios para tal efecto.

f) Coordina-la actuación da Agrupación como integrante dos grupos de acción establecidos no PLATERGA, ante unha emerxencia local nivel 0.

g) Prestar colaboración, auxilio e apoio ós servicios públicos de protección civil e actuar segundo o disposto no PERMU e, no seu caso, no PLATERGA.

h) Elaborar, en colaboración co responsable, a memoria anual a presentar ante a asemblea xeral da Agrupación e ante a Corporación municipal, os efectos do debido informe e seguimento das actividades da Agrupación.

i) Exerce-las funcións que lle sexan delegadas polo responsable.

Artigo 23º

1. A asemblea xeral está formada pola totalidade de voluntarios de pleno dereito inscritos no Libro rexistro de voluntarios da AMVPC.

2. A asemblea xeral ten as seguintes atribucións:

a) Elixir democraticamente, de entre os membros que teñan a condición de voluntarios de pleno dereito, de acordo co establecido na lexislación vixente, ó presidente da Agrupación, así como os membros que forman parte da xunta directiva.

b) A designación de tres representantes da xunta directiva, dos que un será ó presidente e outro o responsable da Agrupación, para que sexan interlocutores perante o órgano competente en materia de protección civil e, no seu caso, perante outras institucións e organismos os efectos administrativos ou operativos.

c) A aprobación da proposta de creación de seccións, equipos de intervención, grupos, etc., á que fai referencia o artigo 18 b) do presente Regulamento.

d) Coñecemento da memoria anual elaborada polo coordinador e o responsable da Agrupación, comprensiva das actuacións desenvoltas pola Agrupación, durante o ano anterior, relación de voluntarios actualizada, formación impartida a estes voluntarios e resumo dos acordos máis importantes adoptados pola xunta directiva.

e) Coñecemento da relación de ingresos e gastos, así como do material de que dispoña a agrupación, a que se refire o artigo 21 r) deste Regulamento.

Artigo 24º

A asemblea xeral celebrará, como mínimo, unha sesión ó ano e cando así o acorde a xunta directiva en atención ós asuntos que deban tratar ou a solicitude da terceira parte dos voluntarios inscritos no Rexistro de Voluntarios de Protección Civil, sexan operativos ou de apoio.

As convocatorias faranse por escrito expresando o lugar, data e hora, así como orde do día e deberán ser notificados cunha antelación mínima de sete días hábiles á súa celebración. Á convocatoria acompañase o borrador da acta da sesión anterior para a súa aprobación.

Na propia convocatoria farase constar a data en que se reunirá a asemblea xeral en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra reunión poida mediar un prazo inferior a vintecatro horas.

A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorra a maioría de voluntarios operativos inscritos no rexistro de voluntarios e, en segunda convocatoria, calquera que sexa ó número de voluntarios asistentes.

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos membros presentes.

O Secretario da xunta directiva o será tamén da asemblea xeral e deberá levantar actas das sesións ou, no seu defecto, o responsable da Agrupación e transcribiranse ó Libro de actas a que se refire o artigo 20 b) do presente Regulamento.

Artigo 25º

Ó tratarse dunha Agrupación creada no seo do Concello, este contratará un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil por danos a terceiros, que ampare os membros da Agrupación fronte ós riscos a que estean sometidos no exercicio das súas funcións.

 

Capítulo III.-Formación e perfeccionamento

Artigo 26º

A formación dos membros voluntarios, baseada nos coñecementos e habilidades relacionadas coas características propias deste servicio público, ten como finalidade facilita-la incorporación destas persoas en condicións de garantía e eficacia, así como contribuír á selección dos aspirantes.

Artigo 27º

A actividade formativa e de perfeccionamento do persoal voluntario conforme o disposto no Decreto 56/2000, do 3 de marzo, articularase da seguinte maneira:

1) O nivel básico corresponde ós coñecementos mínimos que debe posuír un voluntario de Protección Civil para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

2) O segundo nivel ou nivel operativo corresponde ós coñecementos que deben posui-los compoñentes das distintas seccións ou grupos operativos das AMVPC.

3) O terceiro nivel ou nivel de especialidade ten como obxectivo a obtención da titulación oficial en determinadas actividades. Os cursos axustaranse ós oficiais dos organismos que os impartan.

4) Ademais da formación regulada, a AMVPC poderá propoñer outros cursos, xornadas, e cantas actividades de formación considere oportunas.

5) A actividade formativa complementarase coas seguintes accións:

a) Exercicios prácticos con carácter periódico para a mellora permanente da preparación dos compoñentes da Agrupación.

b) A organización de bibliotecas e fondos de comunicación sobre Protección Civil e, especialmente, en relación coa organización e funcionamento de agrupacións de colaboradores voluntarios e outras modalidades da participación cidadá nas actividades de Protección Civil.

c) O mantemento de relacións de colaboración mutua con outras Administracións públicas ou entidades privadas relacionadas con Protección Civil.

d) A edición, colaboración, promoción de publicacións e a divulgación de recomendacións á poboación sobre temas de Protección Civil.

 

Capitulo IV.-Dereitos e deberes.

Artigo 28º

Son dereitos dos voluntarios de Protección Civil, no exercicio da súa labor de colaboración, entre outros:

a) Recibi-la información, formación, orientación, apoio e, se é o caso, medios materiais necesarios para o exercicio das funcións que se lle asignen.

b) Dispoñer dunha acreditación identificativa da súa condición de voluntario de Protección Civil.

c) Emprega-la vestimenta homologada polo organismo competente en materia de Protección Civil da Xunta de Galicia.

d) Realiza-la súa actividade nas debidas condicións de seguridade en función da natureza e características daquela.

e) Participar na elección do presidente da AMVPC de entre os seus membros, e demais cargos previstos no presente Regulamento.

f) Ser tratados sen discriminación, respectando a súa liberdade, dignidade, intimidade e crenzas.

g) Non ser asignados á execución de tarefas alleas ós fins e natureza da entidade.

h) Obte-lo respecto e recoñecemento polo valor social da súa contribución.

i) Obte-la certificación respecto á actividade desenvolta, con constancia dos seus datos persoais recoñecidos e a duración e a natureza da devandita actividade.

j) Ser reembolsados dos gastos que lles poida ocasiona-la actividade de voluntariado.

k) Estar asegurados polos riscos que poidan derivar do exercicio da actividade do voluntariado.

Artigo 29º

Son deberes dos voluntarios no exercicio da seu labor de colaboración:

a) Gardar confidencialidade da información recibida e coñecida durante o desenvolvemento da súa actividade como voluntario de Protección Civil, mantendo segredo análogo ó profesional.

b) Rexeitar calquera tipo de contraprestación económica que poidese recibir dos cidadáns afectados directa ou indirectamente polas actividades desenvoltas.

c) Actuar de forma dilixente e solidaria, cumprindo coas indicacións e normas dictadas polos seus mandos naturais e as autoridades de Protección Civil.

d) Participar nas tarefas formativas previstas pola autoridade competente de Protección Civil ou pola AMVPC, así como nas que con carácter permanente se precisen para mante-la calidade das prestacións.

e) Empregar axeitadamente a vestimenta de Protección Civil cos seus distintivos, así como levar ben visible a súa acreditación.

f) Coidar e utilizar de xeito adecuado os recursos e medios materiais que poña a súa disposición a AMVPC ou, de se-lo caso, as autoridades de Protección Civil.

g) No suposto de causar baixa na AMVPC por calquera circunstancia, entregará a tarxeta de identidade e o uniforme ó responsable da AMVPC, así como o material asignado a súa custodia.

h) Cumprir un servicio mínimo de sesenta e cinco horas anuais, así como os demais compromisos acordados coa AMVPC, respectando o disposto no presente Regulamento.

Artigo 30º

Tódolos compoñentes da Agrupación levarán, sobre o lado esquerdo do peito o distintivo de Protección Civil da Comunidade Autónoma e no lado dereito, a tarxeta de identidade de voluntario, de acordo co disposto na normativa vixente para tal efecto.

Artigo 31º

A Agrupación deberá:

a) Responder a principios democráticos e participativos na composición dos seus órganos e no seu funcionamento.

b) Proporcionar ás persoas voluntarias a formación específica e a orientación necesaria para o exercicio das súas actividades.

c) Garantir ós voluntarios as debidas condicións de seguridade e saúde no desenvolvemento da súa actividade, así como o establecemento das correspondentes medidas de prevención de riscos.

d) Certifica-la actividade das persoas voluntarias con constancia dos seus datos persoais identificativos e a duración e natureza da actividade desenrolada.

e) Informar ás persoas voluntarias sobre os fins e réxime de funcionamento da AMVPC.

f) Facilita-la participación do voluntariado na elaboración, deseño, execución e avaliación dos programas nos que interveñen.

 

Capítulo V.-Recompensas e sancións.

Artigo 32º

As conductas dos compoñentes da AMVPC serán obxecto de valoración pola xunta directiva, segundo o establecido no artigo 18 f) do presente Regulamento, polos procedementos que se establezan nas correspondentes instruccións de desenvolvemento deste Regulamento. Distinguiranse, como proceda, as conductas meritorias e sancionaranse as infraccións de conformidade co establecido neste Regulamento.

As recompensas e sancións anotaranse no expediente persoal do interesado.

Artigo 33º

As accións meritorias que impliquen un nivel de adicación superior ás actividades ordinarias do servicio ou riscos para a vida e a integridade dos voluntarios, poderán ser recompensadas co recoñecemento público mediante o correspondente escrito da Alcaldía ou a formulación pola mesma de proposta para a concesión das medallas ó mérito, ás placas e diplomas de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia ou outras distincións que poidan concede-las distintas Administracións Públicas ou o Concello, no seu caso, para premiar actos de natureza especial.

Artigo 34º

As infraccións ó disposto neste Regulamento sancionaranse previa tramitación do correspondente expediente, unha vez escoitado ó interesado que poderá, en todo momento, face-las alegacións oportunas.

As faltas consideranse leves, graves ou moi graves.

I.-Estimaranse como faltas leves e serán sancionadas con apercibimento ou suspensión de ata un mes, atendendo ás circunstancias que concorran, as seguintes:

a) O descoido na conservación e mantemento do equipo e material que tivera o seu cargo no cumprimento das misións encomendadas.

b) A desobediencia ós responsables da Agrupación, sempre que non afecte ó servicio que deba cumprirse.

c) As demais infraccións ou omisións, con carácter leve, ó presente Regulamento.

II.-Considéranse faltas graves e serán sancionadas coa suspensión dende un a seis meses, atendendo ás circunstancias que concorran, as seguintes:

a) Negarse ó cumprimento das misións que lle sexan encomendadas sen causa.

b) A utilización, fora dos actos propios do servicio do equipo, material e distintivos de Protección Civil.

c) O deterioro ou perda, por neglixencia do equipo, material, bens ou documentos do servicio o seu cargo e custodia.

d) As omisións ou infraccións graves ó preceptuado neste Regulamento e, en particular, o seu artigo 10º .

e) A acumulación de tres faltas leves.

III.-Serán causas de expulsión, como consecuencia de falta moi grave, as seguintes:

a) Deixar de cumprir, sen causa xustificada, as esixencias do servicio.

b) Observar mala conducta ou ser sancionado reiteradamente por faltas graves.

c) Ser condenado por calquera acto delictuoso, a excepción das condenas derivadas de accidentes de circulación.

d) Utilizar ou exhibir indebidamente o uniforme e/ou as identificacións do servicio.

e) A agresión, de palabra ou obra, a calquera membro da Agrupación e a desobediencia que afecte á misión que deba cumprir.

f) Negarse a cumpri-las sancións de suspensión que lle foran impostas.

g) O incumprimento moi grave do establecido no presente Regulamento e, en especial, o disposto no seu artigo 9º .

 

Capitulo VI.-Rescisión do vínculo coa Agrupación.

Artigo 35º

A relación de colaboración voluntaria coa Agrupación rematará:

a) A petición do interesado.

b) Por óbito.

c) Declaración de incapacidade.

d) Solicitude de baixa temporal ou definitiva.

e) Perda dalgunha das condicións esixidas para poder ser voluntario.

Artigo 36º

Considérase baixa temporal na AMVPC a suspensión da actividade na mesma, como consecuencia de sanción ou ausencia inferior a tres meses que teña motivos xustificados que sexan comunicados oportunamente.

Artigo 37º

Será causa de baixa definitiva na agrupación as seguintes:

a) A petición do interesado.

b) Incomparecencia do voluntario por tempo superior a tres meses, sen causa xustificada, na actividade ordinaria ou especial que lle corresponda.

c) Por incumprimento dos servicios mínimos esixidos de 65 horas anuais, de conformidade co establecido no artigo 30 h) deste Regulamento.

d) Como consecuencia da comisión de falta considerada como moi grave, de acordo co recollido no artigo 34º III, do presente Regulamento.

Artigo 38º

Acordada a baixa seralle notificada ó interesado, garantíndolle o dereito de audiencia e, unha vez sexa feita efectiva, o voluntario procederá á inmediata entrega da documentación de identidade, distintivo, uniforme, equipo e material que lle fose adxudicado pola Agrupación.

Artigo 39º

En todo caso expedirase, a petición do interesado, un certificado no que consten os servicios prestados na AMVPC e a causa pola que se acordou a baixa.

Disposicións finais

1ª.-Pola Alcaldía ou concelleiro-delegado de Protección Civil, dictaranse as instruccións e directrices que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste Regulamento.

2ª.-Este Regulamento entrará en vigor unha vez sexa aprobado definitivamente e publicado integramente seu texto no Boletín Oficial da Provincia, de conformidade co establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Regulamentadora das Bases de Réxime Local e transcorrido o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 65.2 do devandito texto normativo, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Regulamento da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil de Oroso ata agora vixente, publicado no Boletín Oficial da Provincia Nº 15, do 20 de xaneiro de 1999.

escudo pc-oroso

Todos los días del año, 24 horas

A vuestro servicio para cualquier emergencia o necesidad